Saturday 11 de May de 2024

Un cento de persoas asistiron hoxe á xornada de divulgación e degustación na Lonxa para fomentar o produto de proximidade


A programación de actividades comezou cunha conferencia de Guillermo Aldama, cardiólogo do Chuac especializado na análise do impacto positivo da dieta atlántica entre a poboación

A Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro e a Asociación de Empresarios de Hostalaría da Coruña organizou a sesión de degustación que pechou a xornada, ideada para potenciar o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’

A Lonxa da Coruña, no peirao de Linares Rivas, acolleu este domingo unha nova xornada de divulgación e degustación de produtos promovida polo Concello e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), unha iniciativa executada ao abeiro da posta en marcha do selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, que distingue aos peixes e mariscos que chegan ao porto da cidade.

A xornada de actividades na lonxa abriuse ás 11.30 horas, coa conferencia ‘Peixe: unha fonte de saúde cardiovascular’, impartida por Guillermo Aldama, cardiólogo do Chuac.
Durante a sesión, Aldama achegou ao público asistente as principais claves sobre a dieta atlántica, centrándose fundamentalmente nos beneficios da proteína mariña.

A continuación, ás 13.00 horas, un cento de persoas participaron nunha sesión de degustación de produtos da lonxa, organizada pola Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro e a Asociación de Empresarios de Hostalaría da Coruña. O menú disposto incluiu desde o takoyaki de pescada á laksa de centola e kaffir, pasando polo temari de xarda, ceviche de rape e pota e, xa finalmente, pastel de centola.

A alcaldesa, Inés Rey, animou esta mañá na Lonxa da Coruña a consumir peixe fresco da lonxa como parte dunha dieta saudable. A lonxa é unha instalación fundamental para o desenvolvemento da actividade económica do sector pesqueiro da cidade. Neste sentido, a lonxa coruñesa é líder na descarga de peixe fresco: nos peiraos da cidade descárganse, cada ano, unhas 33.000 toneladas, cun valor de produto estimado en máis de 60 millóns de euros.

A este respecto, e co obxectivo de apoiar o produto de proximidade, o Concello e a FREMSS traballan de forma conxunta na promoción e divulgación do selo ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, para incorporalo nas diferentes etapas de selección e distribución dos peixes e mariscos que chegan á Lonxa. O convenio asinado entre ambas as partes dispón un orzamento de 40.000 euros, e está financiado na súa totalidade polo Concello.